Friday 17 de May de 2024

Mañá repártense os premios do IX Premio Literario Descubrindo Oleiros


O premio literario organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello cada ano colle forza e nesta edición presentáronse 164 relatos. A implicación dos centros de ensino neste concurso é primordial, así como os obradoiros literarios organizados polo Servizo de Normalización Lingüística para a participación de persoas adultas.

Atendendo á corrección lingüística, á calidade textual e á orixinalidade concedéronse os premios ás seguintes persoas segundo as categorías ás que pertencen. Na primeira categoría, que estaba destinada ao alumnado de 3º e 4º de primaria, na que participaron 81 nenos e nenas, resultou gañadora Zoe Carbajo García, de 4º de primaria do CEIP A Rabadeira, polo seu relato As fadas da luz. Nesta categoría, outorgouse tamén un accésit a Vega Fernández Coello, de 3º de primaria do CEIP Juana de Vega, polo seu relato O meu fogar perfecto.

Na segunda categoría, dedicada a escolares de 5º e 6º de primaria presentaron os seus relatos 54 alumnos e alumnas, e o xurado decidiu que pola súa orixinalidade fose a gañadora Mencía González Blanco, do CEIP Luis Seoane, polo seu relato A familia Oleiros.

Na terceira categoría, dirixida a alumnado de 1º e 2º de ESO, presentáronse 23 textos e resultou gañadora Emma Villamor Redondo, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo seu texto O Castro de Xaz. E nesta categoría tamén se dá outro accésit a Uxío Fernández Paz, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo conto Que historia pode ter Oleiros?.

A cuarta e a quinta categoría, adicada a estudantes de 3º e 4º de ESO e veciños e veciñas de 16 e 17 anos, quedaron desertas porque non se presentou ningún texto.

E na 6ª categoría, para persoas adultas, presentáronse 6 textos e gañou Destino, de Rebeca María Varela Garea.

Os premios outorgados son vales valorados en 200 euros para gastar nas librerías Que me contas?, Mar de Letras, Bolboreta e en Quercus.
No acto ademais de entregar a cada persoa gañadora o seu premio, convocouse ás persoas gañadoras dos premios dos últimos dous anos para entregarlles un lote de libros nos que se publican os textos premiados no ano 2020, 2021 e 2022. Estes libros supoñen a terceira publicación do premio.